Ha ser esta sexta feira. Primeiro presentan un novo número facsímile na Galería Sargadelos, e logo.. festa! Danza, cabaré e outras cousas na Sala Galán.
Na véspera do Día das Letras, Andaina, a revista galega de pensamento feminista celebra os seus 25 anos de vida. Para o seu equipo de redacción vai ser unha "particular e emocionante" celebración porque é xa un cuarto de século o que levan "saíndo á rúa ininterrompidamente dende aquel entrañábel panfletiño de cor malva, número 0, en xaneiro de 1983. Xaneiro de 1983!".
Dende a tarde até a madrugada teñen organizado unha chea de actos en Compostela, que comezará a partires das 19:30 horas na Galería Sargadelos coa presentación dun número especial da revista no que han participar Ana Arellano, fundadora da publicación; Tareixa Navaza, xornalista e colaboradora de Andaina; Laura Gómez, do consello de redacción; e Lorena López, a última subscritora.
Despois vai haber unha festa na Sala Galán onde, a partires das 23:00 horas, actuarán Dolores Mayán (artista que emprega a danza para romper os estereotipos) e Lili Berlín (cabaré alemán e espectáculo músico-teatral). Ademais disto, dende Andaina anuncian moitas sorpresas para toda a noite.
Contentas de cumprir 25 anos
Nun seu comunicado, o colectivo feminista galego salienta que están "contentas" de cumprir os 25 anos "porque as que facemos a revista temos folgos para seguir, con ganas, ideas e estilo renovadas pola chegada dunha presada de rapazas novas e entusiastas a este labor colectivo feminino e feminista, cousa que non enche de orgullo". Ademais salientan que, aínda que estaba previsto que se celebrase este evento arredor do día 8 de marzo, as cousas fóronse atrasando, e finalmente, chegando o Día das Letras Galegas decidiron facer festa porque Andaina "é unha revista que se editou sempre na lingua, coa lingua e coas letras".