Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
OTELO SARAIVA DE CARVALHO

"A utopía que eu teño da democracia directa e do poder popular está a xurdir"

A persoa que liderou as operacións do 25 de abril estivo na redacción de Vieiros; falou da Revolución dos Cravos e tamén das que veñen.

Roberto Noguerol e Marcos S. Pérez (texto) / Lucía Iglesias (vídeo) / César Galdo (fotos) - 19:05 24/04/2008

Un anaco da historia do século XX pasou unhas horas na redacción de Vieiros. Otelo Saraiva de Carvalho foi o principal estratega do 25 abril, acción que de xeito rápido e eficaz (sen apenas violencia) mudou cinco décadas de ditadura por poder popular. De Saraiva dise que poucas persoas en Portugal tiveron tanto poder ao alcance da man, pero tamén que ninguén o rexeitou nunca de xeito tan categórico como el. A revolución foi por outro camiño e o Saraiva retirouse do primeiro plano do presente. Mais aquí está, moitos 25 de abril despois, falando con entusiasmo do que se fixo e do que ficou sen facer, e tamén das revolucións aínda pendentes.

Naceu en África e quería ser actor; mais unha enfermidade levouno para Portugal e a tradición familiar encarreirouno cara á vida militar. Non quixo chegar a xeneral, mais conserva os ademáns de home de mando: despois duns minutos de conversa, ordenou que comezásemos a entrevista.

"Dende un punto de vista realista era utópico naquelas circunstancias tentar instaurar un novo modelo de réxime político nun país pobre, como era Portugal, sen recursos (...) O Partido Comunista tentouno facer, obedecendo ideoloxicamente a Moscova (...) Tomou ao asalto os medios de comunicación social, os concellos, e procurou identificarse en termos públicos co MFA. O resultado foi que o mundo occidental comezou a chegar á conclusión que o MFA estaba formado por comunistas e que era o brazo armado do PCP".

"O 25 de novembro vai ser o final dunha acción continua e deliberada do Frank Carluci" (embaixador norteamericano en Portugal).




"Se eu tivese a cultura política dun Fidel Castro, eu sería o Fidel Castro de Europa, mais non o son. Eu son un militar que fixo o 25 de abril. E custoume deixarme envolver cada vez máis nunha actividade política que eu non quería, porque eu sinto que non son para ela".

"O Bloco de Esquerdas ameaza seriamente as votacións do PCP, porque o PCP ten perdido votantes en favor do Bloco, pero o Bloco ten gañado sobre todo votantes do PS. Isto débese a que o PS ten exercido unha política socialdemócrata que elimina na práctica a fronteira co PSD. Sócrates retiroulle ao PSD o seu espazo de manobra, e en consecuencia non hai oposición de centro dereita á política do PS, que fai unha política de centro dereita, precisamente".



"Estou perfectamente convencido de que aquela utopía que eu teño da democracia directa e do poder popular está a xurdir. Porque a globalización, que ten defectos, ten tamén enormes vantaxes: a posibilidade dun contacto inmediato entre organizacións a través dos computadores, que permitirá que poida xurdir un modelo político de esquerdas. Un país que teña uns recursos que Portugal non ten e que queira camiñar cara a un socialismo serio, cun modelo de democracia directa, pode facelo".

"Un país que ten enormes posibilidades de o facer, con capacidade de repercutir nas masas traballadoras de todo o mundo, pode ser Venezuela (...) Se o Chávez quere pode crear alí o primeiro modelo de democracia directa. E el podería verse confrontado a unha situación en que o pobo, que o elixiu a partir das bases, afaste ao propio Chávez. Se el está disposto a iso, el pode crear alí un modelo de democracia directa e un Estado de poder popular. E pode facer iso porque está respaldado por unha riqueza que é o petróleo, e que Portugal non tiña".


4,78/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: