O informe dunha axencia publicitaria lusa afirma que a xente nova prefire escribir a falar e que abandona o fogar dos pais máis tarde.
O estudo Tweens, da axencia publicitaria portuguesa Publicis, destapa o cambio xeracional que se está a producir na relación da mocidade coas novas tecnoloxías. Os rapaces de 12 aos 25 anos "son a xeración que pasa máis tempo con tecnoloxías que con persoas", asegura, o que permite "obter e compartir momentos e experiencias co mundo".
O informe elaborouse a través dunha análise de artigos de prensa e internet e de entrevistas a dez mozos que reportaron o seu día a día durante unha semana, e conclúe que "é máis fácil para os mozos ler e escribir, do que falar e ouvir". Os móbiles e a internet fixéronlles desenvolver unha dificultade na comunicación verbal e prefiren conversar coas teclas. Ademais, o móbil considérase "o novo coche", e gañou o significado que o automóbil tiña para a xeración anterior: o da liberdade.
O mesmo estudo afirma que a internet xa ocupa máis espazo no tempo de lecer da mocidade ca a televisión. A prensa tamén está a baixar nas preferencias, que encabezan en Portugal o xornal gratuíto Metro e a revista masculina FHM, o que obriga a inventar novos xeitos de desenvolver campañas publicitarias dirixidas a ese público, como os videoxogos ou os blogs, que escribe o 48 por cento da mocidade lusa.
No referente á moda, informa Público, impera o "estilo único", é dicir, a diferenciación sobre a preocupación de parecerse ao grupo, polo que as tendas teñen que inspirar e darlle novos elementos á xente nova para que renove a súa imaxe. Tamén muda a relación co deporte, e xa non supón unha preocupación co corpo, mais unha "diversión, expresión e procura da adrenalina". O estudo detecta que a mocidade "non se interesa pola política nin pretende votar", pero si ten motivacións por causas como o "aborto, o ambiente, a paz". E os portugueses tamén tenden a quedar máis tempo na casa dos pais, polo que xa se lles chama "geração de atadinhos".