 
O ministro nacionalista de Cultura prometera máis de 260 mil euros para o 'Y Bid', mais os editores considérano insuficiente. As bases do Plaid Cymru acúsano de "traidor".
 
											O ministro galés de Cultura
Malia que dende esta pasada fin de semana (nun primeiro momento falárase deste luns, Día de San David) o Y Bid tiña que estar na rúa, o certo é que, finalmente, tal como anunciaran os responsábeis do xornal o pasado 15 de febreiro, o proxecto acabou por morrer. 
A decisión chegou despois de que o goberno de Gales e o seu ministro de Cultura, o nacionalista do Plaid Cymru, Rhodri Glyn Thomas, anunciaran ese mesmo día o investimento total, 200 mil libras (260 mil euros) anuais deica 2011 para todo o sector, "máis do dobre do destinado na actualidade", segundo fontes ministeriais. 
A empresa editora do Y Bid, o que puido ser o primeiro diario en papel en galés, afirma na súa web que "non somos quen de sacar adiante un diario serio cunha subvención como esta. É pouco probábel que ninguén máis o poida facer". 
  
Críticas das bases do Plaid Cymru 
A resposta no seo do partido nacionalista, que dende o ano pasado comparte o goberno cos laboristas, non tardou en chegar. Cynog Dafis, un histórico líder do Plaid Cymru acusou a Rhodri Glyn Thomas de "traidor" por non cumprir co compromiso de apoiar un xornal en galés.   
Non é o único. Segundo informa BBC Wales, un importante número de afiliados nacionalistas escribíronlle ao ministro para recriminarlle a "traizón". O ex portavoz de Cultura, Owen John Thomas, afirmou que os ministros do Plaid Cymru "deberían de ter máis en conta aos militantes da base". 
Porén, o presidente do parlamento de Gales, o tamén nacionalista Dafydd Elis Thomas, afirmou que o camiño está aberto para novos xornais de noticias diarios en galés, e que ese camiño pasa pola internet.   
  "Se hai que pensou que había un xeito de que un goberno nacional dese cartos a un único periódico, para ser impreso, baixo o subsidio da publicidade institucional, se creron que era eticamente posíbel baixo o sistema público, logo é que viven, como dicimos no norte, 'na terra do cuco'", dixo Elis Thomas.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto