Os piragüistas galegos recibirán o seu galardón o vindeiro 3 de novembro en Talavera de la Reina, xunto cun representante da federación e co árbitro galego Francisco Castro.
O piragüista olímpico galego David Cal, palista do Ría de Aldán, será galardoado en novembro como mellor piragüista do ano 2007, segundo a RFEP. A mellor palista entre as mulleres é a vasca Maialen Chourraut.
Segundo a RFEP, houbo consenso na designación de Cal como deportista máis sobresaínte, xa que foi o único palista do equipo español de augas tranquilas que conseguiu unha praza de seu nas Olimpiadas de 2008. Este ano ademais converteuse en campión do mundo en C-1 500, conseguiu o bronce en C-1 1000 e dúas medallas máis, tamén de bronce, no europeo disputado no centro de Pontillón do Castro, en Xeve-Verducido.
Roberto Abal e Miguel Rodríguez Galbán, mellores promesas
Tamén serán premiados pola súa curta e exitosa traxectoria (novas promesas) os palistas galegos Roberto Abal, do Club del Mar de Aldán -subcampión do mundo júnior en K-1 1000 e 500-, e Miguel Rodríguez Galbán, do Piragüismo Rianxo.
De entre os árbitros tamén se recoñeceu o traballo de outro galego, o xuíz do Grove Francisco Castro que foi nomeado o mellor da tempada.
A Federación Galega levou un premio como a mellor do ano por gañar máis unha vez o campionato español por autonomías. Nesta sección tamén levaron premio a federación de Castela-A Mancha e a andaluza.