Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
MANIFESTACIÓN NA ARXENTINA

Un país que esixe a aparición de López

Un ano despois da desaparición dunha testemuña no xuízo dun represor da ditadura militar, milleiros de persoas en varias cidades reclamaron xustiza. Cóntanolo Débora Campos.

Débora Campos - 11:15 24/09/2007

Coma nos tempos da ditadura arxentina, nada se sabe dun home chamado Julio López e que desapareceu pouco despois de testificar no xuízo contra o feroz represor Miguel Etchecolatz. O pasado 18 de setembro, milleiros de persoas nas principais cidades do país esixiron a aparición da testemuña e un traballo máis claro da Xustiza.

Varias mobilizacións protagonizadas por agrupacións de dereitos humanos, partidos políticos e organizacións sociais concentráronse este martes á noite diante da Casa Rosada -na cidade de Bos Aires- para pedir a aparición con vida do home clave no xuízo ao represor Etchecolatz. Máis cedo, o ministro do Interior, Aníbel Fernández, defendeuse das críticas pola falta de respostas na investigación e asegurou que tanto a Xustiza como as forzas de seguridade "non quedaron quedas un só segundo".

Máis de cincocentas persoas investigadas

Unha das convocatorias foi efectuada polas Avoas da Praza de Maio, Nais Liña Fundadora, familiares e algúns integrantes de HIJOS, que marcharon cara á Praza de Maio.

O home, chamado Julio López e de profesion albanel, de 77 anos, desapareceu o 18 de setembro de 2006, un día antes de que o Tribunal Oral Federal 1 da cidade de La Plata condenase a Etchecolatz á pena de reclusión perpetua "por delitos de lesa humanidade no marco dun xenocidio". Era demandante nese xuízo porque foi un detido ilegal nun dos centros da ditadura que operaron baixo a órbita de Etchecolatz, no ámbito da Policía Bonaerense.

O goberno bonaerense revelou nas últimas horas que foron investigadas por presuntas relacións coa desaparición de López 549 persoas, entre membros de forzas de seguridade e militares, en actividade e retirados.

Arxentina enteira pide xustiza

Pero foi o país todo o que pediu xustiza. Na cidade de La Plata, organizacións estudantís e de dereitos humanos e representantes de partidos políticos de esquerda iniciaron unha mobilización na céntrica praza San Martín da que participa a ex detida Nilda Eloy -testemuña xunto a López contra Miguel Etchecolatz no xuízo oral e público-.

Na cidade de Rosario, representantes de organismos de dereitos humanos, agrupacións políticas e organizacións sociais, tamén realizaron unha marcha como pasou na cidade de Mendoza, en que máis de dous centenares de persoas (entre eles ex presidiarios políticos da ditadura, gremios e centros de estudantes universitarios) realizaron un acto fronte á Lexislatura.

Tamén houbo marchas e actividades nas cidades de Bariloche, Neuquén, Bahía Blanca, La Rioja, Tucumán, Santiago del Estero e Paraná, entre outras.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: