Os socialistas consideran que a ex conselleira non pode dar leccións sobre un tema ao que os populares nunca lle prestaron "apenas atención".
"Ten que botar man de datos falseados para tirar da manga iniciativas que xa tiña que poñer en marcha no seu momento", comentou este mércores Guillermo Meijón Couselo, voceiro parlamentario de Educación do PSdeG. Meijón dixo que "é un avance" que o PPdeG se preocupe pola introdución das novas tecnoloxías na escola, pero apuntou que na súa opinión "é un interese que chega algo tarde, posto que se preocuparon ben pouco polo tema durante os seus 16 anos de goberno".
O deputado socialistas destacou en xeral o qe considerou un "goberno comprometido coa educación pública" e referiuse en particular ao ámbito das TIC na comunidade educativa, indicando que a Xunta "realiza un labor importante". Ao fío, cualificou de "cínica" a intención do PP de "darlle a volta ao informe do Consello Escolar".
Besteiro usou estatísticas de cando o propio PPdeG gobernaba
Na mesma xornada tamén se produciu a resposta desde a Consellaría de Educación que, ao respecto da polémica sobre a ratio de computadores por alumno, recordou que as cifras ofrecidas por Manuela López Besteiro, un ordenador por cada 12,9 rapaces, facían referencia de feito ao curso 2004-2005, cando os populares gobernaban.
Así, Educación defende que nos dous anos seguintes e despois do cambio de goberno, investíronse até 26 millóns de euros na compra de computadores, até unha ratio actual dun equipo por cada sete alumnos. A Consellaría defende tamén o investimento en axudas para que as propias familias merquen computadores para o fogar.
Por outra parte, Educación salienta os avances na introdución das TIC nos currículos escolares para conseguir "un mellor aproveitamento destas tecnoloxías". Ademais, refírense no mesmo sentido ás accións de formación dirixidas ao profesorado.