A actitude de turistas e bañistas que a pé de praia apañan ducias de quilos de ameixa ou berberecho fixo que a confraría de Cabo de Cruz contratase gardas de seguridade para vixiar a zona.
Ermidas Pérez, presidenta da confraría boirense, critica a "falta de educación" dos bañistas que consideran que "non fan dano". Ao fío da gravidade da situación por exemplo no areal de Barraña, comentou que "desta praia viven moitas mariscadoras" posto que, polas súas boas condicións, serve como criadeiro de ameixa para outras praias. "Aquí sementamos" apunta Ermidas Pérez, "por iso abunda tanto".
A confraría decidiu reforzar ao inicio deste verán a súa vixilancia habitual de 20 persoas cun servizo privado de seguridade "que nos custa 3.000 euros ao mes" para evitar estas accións. "A algúns explícaslles que supón o traballo de moitas persoas e fanche caso" comenta Carmelo Vidal, patrón maior da confraría, "pero outros xustifícanse ao expoñer que só é un un puñado e continúan a esquilmar a praias". Vidal calculou que, aínda co servizo contratado de seguridade, nas praias da zona os bañistas poden chegar a levar "uns 500 quilos" cada día.
Vidal sinala que os bañistas utilizan todo tipo de enganos para despistar os vixilantes, chegando a esconderse "a ameixa nos bañadores e bikinis e sobre todo utilizar aos nenos", enchendo os cubos de praia. "Saben que non podemos chamarlles a atención como aos adultos", láiase.
Peixe e marisco requisado no primeiro semestre
Por outra parte, contámoslles que o balance da actividade do Servizo de Gardacostas de Galiza durante o primeiro semestre dá conta dun total de 13.326 quilos de distintas especies pesqueiras e marisqueiras entre xaneiro e xuño de 2007 nas 7.261 actuacións de inspección que este servizo da Consellaría de Pesca realizou nas costas galegas durante o primeiro semestre do ano.
En concreto, incautáronse 6.609 quilos de peixe, 3.389 de bivalvos, 2.574 de crustáceos, 727 de cefalópodos, 27 de equinodermos e un quilo de gasterópodos. Do total de inspeccións realizadas, a maioría corresponden a actuacións levadas a cabo nos portos, embarcacións e praias do litoral, así como en supermercados, almacenistas e lonxas. Do total de actas levantadas, un total de 1.311 tiveron carácter de acta de presunta infracción.