Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Patrimonio arqueolóxico

O Concello de Cervo tarda unha semana en paralizar unha obra que acabou por destruír un castro

Cultura enviou a orde o venres 1, e o alcalde non llo fixo saber á construtora até unha semana despois.

Redacción - 18:25 11/06/2007
O castro atópase na parte superior dereita da imaxe / Foto: concellodecervo.com

O castro atópase na parte superior dereita da imaxe / Foto: concellodecervo.com

Nos cinco días que o Concello de Cervo tardou en notificarlle a paralización das obras a unha construtora, deulle tempo de destruír parte do cuncheiro dun castro. A urbanización, situada na Atalaia de San Cibrao, atopábase moi preto do xacemento, polo que a Consellaría de Cultura lle pediu ao executivo municipal que detivese a construción xa o pasado venres.

Cultura recibira hai dúas semanas unha denuncia anónima de que se estaba a obrar preto dun castro catalogado, ameazando un xacemento rico en restos de cerámica, cunchas e ósos. Despois de encargar un informe arqueolóxico que confirmou a reclamación, a consellaría envioulle ao Concello de Cervo unha petición de que parase a obra, pois son os gobernos municipais os únicos que teñen esa potestade.

A orde enviouse o venres 1, polo que non chegou a Cervo até o seguinte luns, 4 de xuño. O seguinte xoves, día 7, o Seprona comprobou que a construción seguía adiante, así que Cultura se puxo en contacto co concello, que ordenou paralizar a obra o venres ás dúas da tarde, cando xa se destruíra parte do cuncheiro.

Cultura encargou un novo informe arqueolóxico este luns para comprobar se houbo desleixo das autoridades municipais e, nese caso, impoñerlle unha sanción axeitada á magnitude dos danos.

Adega pide responsabilidades
A asociación ecoloxista Adega pediulle explicacións ao alcalde de Cervo sobre o feito de ter concedido unha licenza de obra ao pé dun ben catalogado como patrimonio arqueolóxico e sobre o motivo polo que tardou tanto en paralizar a obra, despois de ter recibido a orde da consellaría. Por iso, pediulle a Cultura contundencia na defensa dos bens culturais mediante expediente sancionador e denuncia penal.

Adega considera que a responsabilidade dos feitos é da alcaldía de Cervo, que concedeu a licenza sen llo ter comunicado á Dirección Xeral de Patrimonio, o que tamén lle pode causar graves prexuízos económicos á empresa construtora.


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: