Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Repartimento de deuvedés

Software libre e en galego para a xente de Ames

As aplicacións incluídas no disco demostran que a nosa lingua tamén ten presenza no eido das novas tecnoloxías.

Modesto del Río - 11:17 23/05/2007
Carátula do DVD

Carátula do DVD

A concellaría de Cultura e Deporte de Ames, en colaboración coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información, está a repartir deuvedés con software en galego. A idea, que xurdiu para conmemorar o Día das Letras, partiu de Xiana López Penedo, que forma parte da rede da Consellería de Innovación e Industria e traballa no concello amesán.

“O 17 de maio, que é unha data que temos moi en conta dende a rede, por ser Día das Letras e mais de Internet, propúxenlle ao tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Xosé Manuel Fernández, a edición do DVD. Xa tiña pensado facer un obradoiro e tiña xuntadas as aplicacións”, explica Xiana.

A concellaría editou 300 exemplares do disco, dos que a meirande parte se distribuíron no acto público que fixo o Concello de Ames na casa da cultura do Milladoiro o 17. O día seguinte, repartíronse máis deuvedés nunha charla que deu a iniciativa galega polo software libre Mancomún no instituto de Ames, para alumnos de 4º da ESO. Actualmente, séguense a repartir na aula de informática de Bertamiráns, onde traballa Xiana López.

Na compilación inclúese tanto software libre -a distribución de GNU/Linux Ubuntu, o navegador Firefox, o xestor de correo Thunderbird e a suite ofimática OpenOffice.org- como privativo -os parches para a tradución de Windows XP e Microsoft Office ao galego. “Sobre todo puxemos o parche da tradución porque aínda moita xente emprega software privativo”, comenta Xiana.

Todos os programas incluídos no disco, onde tamén se atopan outras ferramentas, como un curso interactivo de galego, están na nosa lingua. “O DVD funcionou bastante ben. É un bo agasallo para facerlle á xente, para que descubra o que achegan as novas tecnoloxías á normalización do galego. Deste xeito, fáiselle ver á cidadanía que a nosa lingua tamén ten un papel na rede e nos ordenadores”.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: