O novo organismo dependente de Cultura fomentará a viabilidade das empresas galegas e a súa proxección exterior.
A Consellería de Cultura creará unha nova axencia que substituirá o actual Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM). O seu nome será Axencia Galega da Industrias Culturais (AGADIC) e terá o obxectivo de consolidar o tecido industrial que xera cultura e garantir o seu lugar no mundo.
A conselleira Ánxela Bugallo presentou este martes o borrador do anteproxecto de lei, que prevé a ampliación das competencias do antigo Igaem, creado en 1989, dándolle un enfoque de promoción do tecido empresarial do sector da cultura.
A nova axencia tamén favorecerá a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos de singularidade e, asemade, aumentar a exportación das creacións do país. Para iso, apoiará a creación e consolidación de empresas culturais e a colaboración entre elas mediante subvencións e liñas de créditos. A Axencia poderá estabelecer marcas de referencia, campañas publicitarias e actuar como intermediaria entre as firmas e as entidades financeiras privadas. Así mesmo, poñerá en marcha planos formativos e potenciará programas de investigación.
A Lei tramitarase como unha reforma do texto polo que se creou o Igaem e prevese que se aprobe este ano. A Axencia ampliará as competencias do antigo Instituto, que xa non se adaptaba ao contexto cultural actual, alén da música e das artes escénicas. A estrutura actual do Igaem pasará a formar parte do Agadic. Contará, ademais, cun consello asesor formado por representantes dos sectores culturais.