A sindicalista Laura Bugallo escribe un artigo en lembranza de Margarita Bellas. Este sábado 12 de maio, ás 12 horas, esparexeranse as súas cinzas na praia de Cobas en Ferrol.
Desde Compostela reivindico a tua estadia con nós, Compañeira, Loitadora social incansábel de causas dun outro mundo mellor, por ti Marga calquera iniciativa social na que nos acompañamos pagaba e seguirá pagando a pena.
Amiga desa revolución silenciosa, dese traballo sindical, ese traballo a prol dunha boa acollida en defensa dos direitos das persoas imigrantes e retornadas, e sempre desde esa clave e perspetiva de xénero.
Organizadora de eventos significativos en Ferrolterra, e participante activa noutros en Galiza, sempre coa palabra precisa e acesa, con esa humildade que precede ás mulleres valentes, donas de si, comprometida e comprometedora de quen con ela gustabamos de estar.
Houbo quen en vida te vilipendiou, para elas e eles a miña ignoráncia suprema, oportunistas doutrora que morden as mans que lles adicou tempo e cariño. A elas quédalles o veleno da sua língua.
Foise, nótase en Ferrol, na bisbarra, en Galiza, en moitas persoas e familias recén chegadas de alén dos mares, e tamén alá onde se ia ir co seu Compañeiro, o meu camarada Miño, a morar no paisito, no de Artigas, no do Viejo Pancho, no do Pepe, do Ñato, de Tabaré... Ian-se reencontrar nesa pátria amada por nós, terra de acollida singular de Galiza, refúxio sen parangón de tantas e tantos galegos.
Margarida Bellas Graña, foi alma mater de ASMIREFE, reivindico o teu nome como semente para a nosa terra. Galiza precisa exemplos coma o teu. Todas as palabras de quen te coñeceu e amou son poucas.
Compañeira da CIG, Compañeira na defensa dun outro mundo mellor, coa dor da tua auséncia impregno o calendário co alento de ti que en min, en nós, pervivirá sempre. Por ti vaia este mate amargo.
Autora do artigo: Laura Bugallo