PORQUE A RECUPERACIÓN DA RÍA, OS POSTOS DE TRABALLO E A SAÚDE NON PODEN AGARDAR MÁIS…
Sen dúbida atopámonos nun dos mellores momentos da loita pola desaparición do complexo ENCE-ELNOSA da nosa Ría; dunha banda, as administracións implicadas no tema semellan ter apostado nesta dirección, por máis que non sempre o fagan coa decisión que todas e todos nós quixeramos, e doutra, xa ninguén cuestiona a necesidade de eliminar o complexo para recuperar a Ría. De feito, ningunha forza política que queira ter representación no Concello de Pontevedra é quen de propor a permanencia de CELULOSA e ELNOSA na súa actual ubicación. E isto non é así por casualidade; neste medre da concienciación da cidadanía ten moito que ver a loita que ano tras ano vimos desenvolvendo desde a APDR, unha mobilización que hoxe máis que nunca ten que se facer patente para impedir unha volta atrás que non é imposíbel.
Hoxe a presenza de ELNOSA en Lourizán ten os días contados; non ten conseguido a preceptiva “Autorización Ambiental Integrada” e –coa lei na man- ten que pór fin á súa actividade industrial en outubro deste ano. E máis pronto que tarde, sairá CELULOSA; e unha e outra terán que deixar Lourizán como estaba cando fixeron ocupación deses terreos. De aí o noso lema para esta nova MARCHA CONTRA CELULOSAS.
PORQUE PONTEVEDRA NON PODE HIPOTECAR O SEU FUTURO ATÉ O 2018...
PORQUE A MOBILIZACIÓN SEGUE A SER NECESARIA
SÁBADO 5 DE MAIO ÁS 19,00 HORAS
MARCHA CONTRA CELULOSAS