O equipo liderado por David Cal acadou o décimo noveno triunfo no Campionato de España de Federacións Autonómicas.
Esta fin de semana disputouse no embalse asturiano de Trasona a vixésimo segunda edición do Campionato de España de Federacións Autonómicas. Asturias non foi o temido rival que se agardaba aínda que si foi a federación que máis turrou por rachar co dominio galego neste campionato. Os asturianos empataron con Galiza a podios pero foron as sete medallas de ouro dos galegos os que os situaron á fronte da clasificación con 335 puntos, fronte aos 306 de Asturias e os 211 de Castela e León.
Foi nas probas de canoa onde os galegos destacaron con maior claridade. David Cal acadou dous ouros no K-1 500 e no K-1 1000, mentres que Alfredo Bea e David Mascato fixeron o mesmo en C-2 500 e C-2 1000.
Os outros ouros foron para Teresa Portela no K-1 500, para o K-4 en 1.000 de Borxa Prieto, Diego Piña, Roberto Rodríguez e Carlos Pérez, e para María Pérez, Elvira Longo, Silvia Vázquez e Portela tamén no K-4 pero en 500 metros.
Os outros metais para a federación galega chegaron da man de Jovino González e Xaime Acuña con dúas pratas en K-2 500 e 1.000 e para Carlos Pérez, bronce en K-1 500.