Todas as persoas que aman a escena poden achegarse a gozar do mellor teatro non profesional en Vedra: ao longo do mes de marzo desenvólvese a V Mostra de Teatro Amador Teatrofilia: Kukas, Achádego, Tiruleque ou Bolován Teatro actuarán nas próximas fins de semana na Casa da Terceira Idade do Burgo (Vedra), neste programa que organiza a Asociación Cultural Papaventos.
Vedra convértese, como cada mes de marzo, na capital galega do teatro afeccionado da man de Teatrofilia, a mostra de teatro amador que se celebra por cuarto ano: quince grupos das catro provincias galegas pasarán polas táboas durante os venres, sábados e domingos ata o 1 de abril. A lenda de Xan Bonome, de Agustín Magán, adaptada por Xoán Curiel, inaugurou o programa este venres 9 de marzo, interpretada polo elenco da Residencia da Terceira Idade Porta do Camiño de Santiago de Compostela. O sábado foi a quenda de Ullán Teatro, coa peza Unha de vaqueiros.
Como é habitual, ademais do teatro afeccionado que se homenaxea neste ciclo, tamén se acollerá unha actuación profesional, que nesta ocasión e tal e como demandou o público o ano anterior, será unha representación de títeres, coa actuación do artista compostelán Kukas e a súa peza O vento acatarrado. A Asociación Cultural Papaventos, que organiza esta mostra en colaboración coa Consellaría de Cultura a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, co Concello de Vedra e a Asociación Cultural Ullán, agarda repetir o éxito acadado nas tres edicións anteriores, cunha media de 200 persoas por sesión. Algúns dos grupos máis antigos dos escenarios afeccionados pasarán por Vedra, como Teatro do Improvisto (Boiro, A Coruña), Achádego (Lugo) ou Tiruleque Teatro (Carballiño, Ourense). O teatro universitario tamén terá o seu espazo, coa Aula de Teatro da U.S.C., que achegará o seu espectáculo de comedia dell'arte Trufaldino Señor de dous amos. Varias compañías estrearán espectáculo en Teatrofilia, como a Aula de Teatro de Muros ou o grupo de teatro Andaravía, pertencente á A.C. Papaventos, que chega cunha peza de terror cómico de creación propia, Metus Extremis. Será o grupo anfitrión quen se encargará de pechar o ciclo de teatro afeccionado o día 1 de abril.
Papaventos pretende reforzar a presenza do teatro afeccionado dentro do ámbito cultural galego, que conta con escasos espazos nos que manifestarse e que constitúe un importante elemento de dinamización cultural: que Teatrofilia continúe a asentarse como referente dentro do panorama teatral afeccionado galego, e, ao mesmo tempo, ofrecer unha alternativa de ocio para os veciños e veciñas da comarca.