Alfredo Bea e David Mascato veñen de protagonizar un novo enfrontamento entre palistas galegos e a Federación Española de Piragüismo. Desta vez, os dous deportistas denuncian o acoso do organismo estatal que agora quere contar con eles para a preparación dos Xogos Olímpicos de Beixín. Segundo asegurou Bea a GZ Deportiva, "a Federación non contou con nós nos últimos dous anos e agora, á vista dos resultados da última tempada, queren que participemos nas concentracións pero baixo as súas condicións". Os dous piragüistas insisten en que só queren continuar co seu plan de traballo e que lles deixen "adestrar tranquilos".
"Estamos dispostos a acudir ao Consello Superior de Deportes, ao Comité Olímpico ou incluso á xustiza ordinaria". Así de contundente amosábase Alfredo Bea en relación coa última polémica suscitada entre palistas galegos e a Federación Española.
A orixe da desputa está nos Xogos de Atenas. "Despois das olimpíadas non quixeron saber nada de nós, o único que conseguimos foi unha beca de 1.200 euros e 300 para pagar ao adestrador". Aínda así, neste último ano Bea conseguiu ser subcampión do mundo en maratón e quinto no C-2 xunto a David Mascato, ademais de arrasar nos últimos campionatos de España.
Agora a Federación quere volver contar cos dous palistas pero baixo unhas condicións que consideran "inaceptábeis". "Queren que adestremos cun preparador de sub-23 e iúniors que nin sequera ten o título oficial" di Bea, que demanda que lles deixen proseguir coa preparación que xa comezaron hai dous anos pensando na cita olímpica.
Segundo o campión estatal, a Federación ten un "continuo desprezo" cara aos piragüistas galegos e sinala que o obxectivo da institución é destruír a súa planificación. Alfredo Bea asegura ademais que están dispostos a acudir aos pertinentes controis e a competir en igualdade de condicións cos outros aspirantes olímpicos demostrando quen é o mellor representante para os xogos cos resultados.