Manel Sánchez foi o primeiro galego que xogou coa selección española de básquet. O ala lucense, de 1,92 metros de estatura, foi o estandarte do Breogán desde o ano 1975 ata o 1990 e chegou a ser o máximo encestador español da ACB na tempada 88-89. Logo de retirarse, Sánchez, montou unha tenda de deportes, adestrou ao Yaya María, logrando o seu ascenso á División de Honra e incluso pasou pola política lucense como concelleiro de Deportes. Sánchez atópase agora coa oportunidade de vestir por primeira vez a camisola da selección galega no partido de veteranos entre a selección galega e a española.
Logo de tantos anos sen xogar ao básquet, cales con as súas sensacións ante o partido deste mércores?
Pois estou moi ilusionado, para min vai ser a oportunidade de poder ver a moita xente que non vía desde hai anos. Tanto no equipo galego como no español teño a moitos coñecidos e amigos cos que, por diferentes motivos, non puiden manter o contacto logo de abandonar o baloncesto. Por outra parte, para min é unha gran satisfacción vestir unha camisola como a da selección galega e máis nesta estrea. Outra cousa vai ser o estado de forma no que nos atopemos moitos dos veteranos que vamos participar no partido xa que, eu por exemplo xa hai tempo que non adestro.
Gustaríache ter participado no primeiro encontro oficial da selección galega?
Claro que si, defender as cores de Galiza é unha sensación moi especial. Eu xa participei nos primeiros partidos non oficiais da selección galega de básquet, que non deixaban de ser unha xuntanza de amigos sen ningún apoio institucional. Porén, isto é diferente e na miña época houbese feito moita ilusión ter participado nunha selección galega como a que se vai enfrontar a Xapón.
Hai moita expectación ante o partido de veteranos. Cres que se verá un bo espectáculo?
O espectáculo vai ser grande en anos sobre a pista... en xogo xa non sei (risas). Estou seguro de que si, ademais, moitos xogadores aínda conservan o seu físico xa que adestran case todos os días. No campo veranse pinceladas de calidade, porén a cabeza a estes anos funciona máis rápido co corpo...
Pero o toque de moneca nunca se perde... ou si?
É un pouco como montar en bicicleta, nunca se esquece, pero a puntería comeza a fallar. Para os que fai tempo que non collemos un balón, as primeiras sensacións son como as de estar a xogar cun balón inchábel de praia. (risas)
Como valoras o momento polo que está a pasar o básquet galego?. Cres que a figura de Fran Vázquez está a axudar aos máis novos?
Está claro que si. Fran Vázquez é, actualmente, a figura indiscutíbel do baloncesto galego e ten que ser a locomotora que tire do resto de xogadores e xogadoras de Galiza. Os máis novos teñen en Fran un espello onde mirarse á hora de marcarse obxectivos como os de xogar na selección nacional ou estatal ou, sobre todo, á hora de axudar a que Galiza volva a contar canto antes cun equipo na ACB.
Un prognóstico para o Galiza-Xapón...
Non coñezo á selección xaponesa, pero creo que vai ser un partido moi complicado xa que eles veñen xa moi adestrados e en moi boa forma. Aínda así, o corazón dime que Galiza vaise levar a vitoria.
E para o Galiza-España de veteranos?
Non vale dicir un empate?. Nos vamos tentar facelo o mellor que poidamos, porén a selección estatal ten homes que están adestrando a cotío e esa diferenza de forma vaise notar. O que si que podo asegurar é un bo espectáculo.