Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTREVISTA A TERESA MOURE, GAÑADORA DO PREMIO XERAIS

O patchwork da raíña Cristina de Suecia

Teresa Moure leva gañados no último ano o Lueiro Rei de narrativa breve e o Ramón Piñeiro de ensaio. Agora ademais leva o premio Xerais, o máis importante da narrativa galega, para o seu despacho de lingüística xeral na Facultade de Filoloxía de Santiago. A novela gañadora, 'Herba moura', leva nome de analxésico e porén reivindica unha forma feminina de entender o mundo que explica nesta entrevista.

- 17:23 13/06/2005
Tags:

Vieiros: Que conta esta 'Herba moura'?
Teresa Moure
: Esta novela quere ser un desafío ao concepto de ser humano. O ser humano foi definido en Occidente coma un animal racional, pero esa é unha definición que estabeleceron algúns varóns, como Descartes. Eu quixen asomarme aí e provocar a través da biografía do filósofo francés. Para iso empreguei documentación e datos históricos máis ou menos exactos da vida dun individuo que dicía que o home era un animal racional. E creo que o ser humano debe ser outra cousa. Así que inventei unha vida íntima del. Os personaxes da novela son históricos, a raíña Cristina de Suecia, a botánica Hélène Jans, mulleres que marcaron a vida de Descartes... e o que inventei foron os sentimentos, as relacións, a forma de querérense. O meu desexo era provocar un pouco coa idea de que somos sobre todo paixóns, sobre todo emocións, e de que o filósofo queda espido sen iso. Sen iso non é nada, a súa obra non é nada. As verdadeiras filósofas son elas.

Como chega a ti esta historia?
Unha delas fai un invento que, como todos os inventos que fixeron as mulleres ao longo da historia, non triunfa. E a ela non lle preocupa. Así que unha investigadora do século XXI retoma o fío dese invento en algo como de realismo máxico. Ela vive nunha casa de mulleres atoladas, de nais, de avoas, e no faiado hai unha hucha de carballo. Nese arcón empeza a atopar cousas, como poemas que ela vai escribir no futuro, as cartas de amor de Cristina de Suecia, as receitas de Hélène Jans, unha serie de cousas que lle permiten facer non unha tese doutoral, senón unha tese desafiante: ao mellor o mundo non é coma os homes credes, senón como as mulleres soñaron. A filosofía dixo que o home era alma e a muller só corpo, que non podía aspirar a ter alma, pero porén hai mulleres que con toda certeza tiveron alma e homes que se perderon por non ter corpo. Ei, que é fácil de ler a pesar diso...

Ao recoller o premio dixeches que esta era "unha novela desas que chaman de muller"...
Creo que as mulleres si temos outra forma de ver o mundo. Tentamos achegarnos ao modelo imperante, ao modelo de poder masculino, pero... Cando as mulleres exercemos as profesións de varóns pensamos que temos unha igualdade, pero a igualdade só é social, só é coma un traxe que se pon por fóra. No fondo séguente educando para ser outras cousas e para participar dunha tradición de mulleres que se legaban cousas, que tiñan en consideración certos valores, certas actitiudes, certos coñecementos importantes. Por iso a muller está preto da maxia, doutras formas de coñecemento. E quixen rescatar un pouco iso. Por exemplo, un coñecemento típico das mulleres é a botánica, o de saber cales eran as herbas que servían para sandar. E porén non era importante ata que chegaron os homes, e o dominaron, e a botánica pasou a ser unha ciencia. Outro coñecemento das mulleres era o de traer os nenos ao mundo, o das parteiras, e non valía nada ata que chegaron os homes e se fixeron xinecólogos. As mulleres teñen unha forma de ver o mundo, e calquera visión actual feminista ou simplemente humanista que considere a persoa humana debe valorar o saber alternativo que gardaron as nais e as avoas. E non porque ser muller bioloxicamente sexa mellor ou peor senón porque é un saber alternativo nesa cultura homoxénea que nos domina, e porque ao mellor podiamos recadar algo, obter algo, de abrir as huchas das avoas.

Con iso queres dicir que se pode seguir unha estirpe literaria feminina, que ten unha trazabilidade a literatura de mulleres?
Eu quero escribir, non quero facer teoría da literatura. Quero escribir, non quero dicir como ten que ser a literatura. Quero ter unha voz. Só.

Porén empregas recursos desa estirpe de literatura de mulleres, como esa imaxe da casa das atoladas... É algo consciente, cómodo, reivindicativo...?
A min non me molesta. Utilízoo como unha reivindicación, claro. Son unha muller. Se fose negra ou lesbiana tamén consideraría que teño outros modelos alternativos de pensamento. Non me molesta, pero tampouco é unha bandeira. É unha forma, un discurso máis, que debe integrarse na polifonía de discursos que existen para que non se efectivice un único discurso homoxéneo do home novo, branco, heterosexual.

Polifonía de discursos e tamén polifonía de xéneros nesta novela, non? Mesturas receitas, cartas, prosa, poesía...
A imaxe para min é a dun patchwork, esa tarefa manual que se forma con retrincos de tela. A primeira parte ten como protagonista a Cristina de Suecia, a segunda a Hélène Jans, a terceira denomínase 'Elas das que tanto se fala' e conta a vida das dúas xuntas, e a cuarta parte Inés Andrade. Pero sempre hai un fío condutor, de maneira que en cada unha das partes se intercalan textos doutra. E iso é algo que o lector ten que encaixar. Cando les a parte dedicada á vida da raíña Cristina de Suecia atoparás intercaladas receitas de Hélène Jans, cando les a de Jans, vas atopar fragmentos de Inés Andrade, e cando les a de Inés Andrade verás fragmentos da raíña Cristina. A idea é que así podiamos estar todas. Dende o século XVII ao XXI. As bruxas, as princesas e as mulleres de hoxe.

O lema con que mandaches o texto o premio xa recollía o apelido Andrade...
A novela remata como se a escribise ela... O apelido Andrade ten algún valor, pero non cho vou contar. Vas ter que lelo.

Tres libros, tres premios. Que vén agora?
Estou escribindo algo, estou. Non quero contar moito por se acaso se enmeiga.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: