Teño o convencemento de que entre as acusacións máis doadas que se lle pode facer ao actual Goberno está xustamente a súa teima en facer da improvisación o seu modelo de actuación cotiá. De aí se cadra que non sexa casual que Feijoo apuntase no seu discurso esa frase: "Non creo nunha Galiza improvisada". Comezar negando a maior é un bo exercicio de autoconvencemento. A bancada da metade máis un do Parlamento aplaudiu aplicada, como é tradicional, a explicación improvisada polo presidente este martes nas súas intervencións. Xa saben o que dixo aquel chanceler, "en política o importante non é ter razón, senón que a un lla dean".
Gabouse o inquilino de Monte Pío de recordarnos  que seica escoitou esa teoría de que na actividade diaria dun gobernante  responsábel "debe haber planificación", mais teimou en descubrirnos o  gran temoneiro dos Peares que descoñece de momento como levala á  práctica. Feijoo gustaba de referirse ao anterior executivo co alcuño de  "bi-goberno", mais a bo seguro sería doado cualificar o seu pouco  aguerrido grupo conselleiril de "goberno en obras". A decepcionante  intervención deste martes tiña un aquel de súplica, aínda que  desafiante, á oposición, xa que un parecía estar escoitando entre liñas a  Feijoo advertir 'espérense un momento, que estamos preparando un  goberno e un proxecto de verdade, pero cando o teñamos, vanse vostedes  enterar do que val un peite'.  
Pero continuaba o discurso e non lle viamos un fío  condutor. Labazadas para o bipartito, balance acrítico e xactancioso  dun pequeno traxecto que hai apenas tres meses ainda non se atrevían a  facer en pleno parlamentario, escaseza de medidas concretas e retórica  pretenciosa. Ben doado llo puxo Feijoo aos voceiros da oposición.Vázquez  por exemplo metíalle ben o dedo na ferida definindo este discurso  feijoano como de "reinvestidura", xa que ben dubidoso parecía que a  exposición do xefe do Executivo fose a de quen supostamente leva xa case  un ano pilotando o Goberno. E afinado ironizaba Aymerich co presunto  'goberno 10' onde antonte abrollou unha directora xeral de Traballo que  despide ilegalmente unha traballadora ou onte un conselleiro que se  perde nun 'Desván'. 
Á hora de avaliar un Goberno, e esteamos máis en  acordo ou en desacordo con el, podemos ser capaces de xulgar se, nas  coordenadas políticas que ese executivo pretende moverse, cae máis perto  da liña da excelencia ou da mediocridade. E intriga pensar nas causas  do profundo desacerto desta primeira etapa da era Feijoo mesmo para quen o avalíe obxectivamente próximo ás súas coordenadas. O aspirante a  reinar onde reinou Fraga pilota de momento un grupiño de desorientados a  facer buratos por aquí e abrir furados por acolá sen nin sequera un  proxecto claro de perforación. Xa lles expresei nunha ocasión a miña  convicción de que algúns importantes paus e recortes practicados por  este Goberno son exemplo de desgoberno e desorientación: se a un non lle  gusta cara a onde vai o barco, cambia de rumbo, pero non lle mete o  machete á vela maior.
Diante desa  falta de fío e ausencia de estratexia demostrada pola Xunta actual por  boca do seu presidente este martes, máis valor gaña na distancia un  bipartito que, cando menos, tiña clara unha liña de actuación a curto e  medio prazo (tanto que ás veces mesmo xogaba a planificar dando por  feita unha segunda quenda no poder), e onde todos e cada un dos seus  departamentos manexaban con máis ou menos acerto un programa estratéxico  ambicioso. En 2006, e á volta do primeiro embate daquel bipartito co PP  nun pleno coma o desta semana, os grupos que daquela apoiaban o Goberno  ironizaban co atranco que supuña o novo PP(deG) para o proxecto estrela  de PSdeG e BNG por aquel tempo: o deseño dun novo Estatuto. "Imos  esperar a saber exactamente o que quere facer Feijoo", chanceaban. Este  martes coñecemos que Feijoo aínda non ten moi claro "o que quere facer".  Venme á cabeza aquilo que, aló polo ecuador do bipartito, lle advertía  Quintana ao daquela líder opositor Núñez Feijoo: "Rematou a Galiza dos  administradores plenipotenciarios e dos administrados submisos". E  aqueloutro que á súa vez lle arrebolaba no mesmo pleno Emilio Pérez  Touriño: "Vostede cociña o seu discurso no fogón de Xénova e non no de  Breogán".
			Roberto Noguerol naceu en Chantada en 1976. É Xefe de Redacción de Vieiros. Mantén a bitácora No andaime. »